A escritora Ledicia Costas, o fotógrafo Xurxo Lobato, a Federación de Teatro Afeccionado de Galicia (FEGATEA), aCentral Folque, o exdirector da Filmoteca Española Chema Prado, o dinamizador da cultura e lingua galegas Xosé González Martínez, a Fundación Penzol e a responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest, Ildiko Szijj son os galardoados nos Premios da Cultura Galega 2020. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

A Cidade da Cultura acolleu a reunión do xurado, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, a académica da Real Academia Galega (RAG), Marilar Alexandre, a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da Universidade de A Coruña, Cristina López Villar, a profesora, investigadora e escritora Mercedes Brea, o xornalista e escritor Francisco López, o artista Acisclo Manzano e a escritora e comunicadora Elba Pedrosa.
Con estes galardóns, a Xunta de Galicia premia un ano máis o labor creativo de Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos. Recoñécese a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.

Ledicia Costas, Letras

Na modalidade de Letras a galardoada é Ledicia Costas, unha das escritoras máis lidas e premiadas do panorama literario galego e tamén unha das máis traducidas, o que a converte nunha excelente difusora da lingua e literatura, da creación e da cultura galegas en Galicia e no resto do mundo. Destaca especialmente pola súa inquedanza por achegar a lingua galega ás xeracións máis novas, con constantes reedicións das súas obras, entre as que se inclúe a súa primeira novela Unha estrela no vento, que vai pola 17ª edición. Recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, outorgado polo Ministerio de Cultura, coa súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta, gañadora anteriormente do Premio Merlín e que, en 2016, pasaría a formar parte da Lista de Honra do IBBY.
Tamén recibiu o premio Lazarillo en 2015 por Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, que mereceu en 2016 o prestixioso Premio White Ravens. Volveu ser premiada co mesmo premio en 2017 pola novela A badalada dos unicornios, converténdose na única autora galega en conseguir en dúas ocasións este recoñecemento. Pola versión en castelán recibiu o Premio Kelvin 505, outorgado no marco do Festival Celsius. Aínda que os seus maiores éxitos tenos acadado no contexto da literatura infantil e xuvenil, considérase unha autora versátil que transita por diversos temas, estilos e xéneros.

Xurxo Lobato, Artes Plásticas

No campo das artes plásticas o premiado é Xurxo Lobato, un dos fotógrafos máis representativos da actualidade dunha dilatada traxectoria profesional iniciada nos anos setenta, que abrangue unha diversidade de xéneros e formatos, desde o fotoxornalismo ata a fotografía artística. A súa obra ofrece unha peculiar imaxe da realidade, un selo persoal e paradigmático que nace dunha mirada subxectiva para ofrecer un diálogo antropolóxico e crítico cos diferentes tempos e estéticas, paisaxes e contextos, retratos e costumes. As súas son obras que se concretan con frecuencia en series, aproxímase ao documento de memoria por medio da transformación e do tránsito. Foi redactor xefe de fotografía de La Voz de Galicia e, na actualidade, exerce como fotógrafo colaborador de cabeceiras como El País ou axencias como Getty Images.
Académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, no seu haber conta con importantes galardóns e ten realizado un gran número de exposicións individuais e colectivas, tanto en institucións públicas como en entidades privadas. A súa obra figura en importantes coleccións, destacándose, entre outras, no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Vigovisións, IVAM, a Xunta de Galicia ou a Colección Unión-Fenosa.

FEGATEA, Artes Escénicas

En Artes Escénicas o recoñecemento é para a Federación de Teatro Afeccionado de Galicia (FEGATEA), unha entidade privada sen ánimo de lucro que naceu hai vinte anos da man de sete grupos de teatro (Asociación de Mulleres de Moaña, Atrezo, Aurín, Ditea, Escoitade, Metátese e O Trasno). Defenden e promoven o teatro amateur en galego, interconectando o tecido escénico non profesional, e co propósito de fomentar a formación e o intercambio de experiencias, co apoio da lingua galega no contexto e na práctica teatral.
Tras vinte anos de existencia, as agrupacións escénicas locais desenvolveron un circuíto de teatro afeccionado por toda Galicia, ademais de contribuír á proxección da cita anual do teatro galego, no marco do Festival Agustín Magán, en Santiago de Compostela, ou a través do encontro PLATTA. Tamén está a promocionar o teatro galego de afeccionado en España e Portugal, a través de PLATTA, que é unha plataforma que agrega a diversas entidades das artes escénicas. FEGATEA está composta por 53 agrupacións teatrais representativas das catro provincias galegas, o que a sitúa como a maior estrutura teatral e organizada que existe neste momento en Galicia. Os grupos que se federan a través da FEGATEA contribúen a desenvolver o movemento cultural e social nas súas respectivas localidades.

aCentral Folque, Música

Os Premios da Cultura Galega 2020 distinguen no eido da música a aCentral Folque, que iniciou a súa andaina como Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín (2000-2007), centrada no ensino musical. En 2008 desprázase a Santiago e, xa co nome actual, amplía o seu labor ao estudo, á promoción e á divulgación da música galega, cubrindo a carencia existente ata o momento nas ensinanzas regradas da nosa música popular. A profesionalidade do seu corpo docente permítelle abarcar o ensino de diferentes instrumentos musicais non estudados habitualmente, así como da historia da música galega, etnomusicoloxía ou patrimonio musical. Ademais, ten organizado o Curso de posgrao de Música Galega (en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela), o Congreso de Antropoloxía Musical Galega (2001) e numerosos cursos monográficos.
aCentral Folque tamén desenvolve un intenso traballo na produción de eventos musicais, apostanto pola descentralización dos mesmos e pola súa difusión por toda a xeografía galega, así como labores de produción editorial. Neste ámbito, a colección Chave Mestra recolle o pasado, o presente e o futuro do patrimonio musical e oral galego, contribuíndo ao coñecemento da obra de figuras como a de Maruxa Boga, así como á difusión dos traballos actuais de recollida. Hai que engadir, ademais, as edicións discográficas de novas voces e músicos.

Chema Prado, Audiovisual

O galardón en Audiovisual é para Chema Prado, o director máis lonxevo da Filmoteca Española, cargo que ostentou entre 1989 e 2016. Ata a súa chegada a este organismo, no que entrou en 1976, colabora en Fotogramas, Cambio 16 ou Imagen y Sonido como cronista desde os festivais de Pésaro, Manheim ou Londres, entre outros.
Xurado de numerosos festivais internacionais, ademais de recibir numerosos premios polo seu labor a prol da preservación do patrimonio cinematográfico, mantén ou mantivo amizade con cineastas, tales como Bernardo Bertolucci, Jim Jarmusch, Manoel de Oliveira, Arthur Penn, Stephen Frears ou o produtor Paulo Branco; entre os que deu a coñecer Galicia. Apaixonado da fotografía, en particular da polaroid, organiza exposicións por todo o mundo sobre esta temática.

Xosé González, Lingua

En Lingua o premiado é Xosé González Martínez, un dinamizador, no sentido máis amplo da palabra, da cultura e da lingua galegas, tarefa que leva desenvolvendo toda a súa vida en prol da normalización plena en distintos espazos de uso. É, de feito, o creador do primeiro servizo de normalización lingüística de Galicia, no concello de Redondela, desde o que traballou coa sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en varios procesos que derivarían na primeira sentenza en lingua galega en 1985.
González Martínez creou, así mesmo, un amplo colectivo denominado Galeguizar Galicia, que engloba a distintas entidades que traballan pola plena normalización e uso da lingua galega en distintos ámbitos da vida social, cultural, económica e administrativa, tales como a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, a Irmandade Xurídica Galega, a Irmandade da Sanidade Galega, o Foro Enrique Peinador, a Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros, a Fundación Lois Peña Novo, a Asociación de Amigos do Couto Mixto e a Asociación Álvaro das Casas.

Fundación Penzol, Patrimonio Cultural

O galardón na modalidade de Patrimonio Cultural recae na Fundación Penzol, creada en 1963 por iniciativa de Fermín Penzol, cando decide doar a súa valiosa biblioteca especializada en temas galegos para que sexa de acceso público. Desde a súa creación foi enriquecéndose con numerosas e variadas achegas, e a súa biblioteca e arquivo están considerados como centros de consulta indispensables para os investigadores.
As coleccións da Fundación Penzol caracterízanse por ter como denominador común temas ou asuntos referidos a Galicia. Hoxe en día están formadas por máis de 47.000 títulos de monografías impresas desde o século XV, uns 3.800 títulos de publicacións periódicas, 106 títulos de libros manuscritos do século XVII ao XIX, preto de 300 diplomas en pergameo, datados do século XII ata o XVII, 80 pezas de cartografía histórica, con numerosos exemplares do século XVII e 150 metros lineais de documentos de arquivo.

Ildiko Szijj, Proxección Exterior

Por último, o Premio Cultura Galega de Proxección Exterior é para Ildiko Szijj, responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest desde 2014. Licenciada en Filoloxía española, portuguesa e francesa e doutora de Estudos Románicos, defendeu a tese titulada A galego ige története, Természetes morfológiai megközelíté (Historia do verbo galego, Aproximación segundo a teoría da morfoloxía natural). No Centro de Estudos Galegos imparte cursos de lingua galega, civilización galega e historia da lingua galega. É, así mesmo, membro do comité editorial da publicación Cadernos de lingua, da Real Academia Galega.
Como tradutora coordinou con Luis G. Tosar a publicación Penélope en Budapest e outros poemas, Eötvös Loránd Tudományegyetem, Manuel Antonio: De catro a catro e Federico García Lorca: Seis poemas galegos, Eötvös Loránd Tudományegyetem. Ten colaborado, así mesmo, en infinidade de publicacións internacionais.




Xurxo Lobato