O Museo de Pontevedra vén de localizar entre os seus fondos un díptico formado por unha ‘dolorosa’ e un ‘ecce homo’ espoliados en Polonia durante a ocupación nazi da II Guerra Mundial. As dúas pezas, atribuídas ao pintor holandés Dieric Bouts, chegaran ao Museo a través da colección Fernández López, mais a división de rastrexo de bens espoliados do Ministerio de Cultura polaco identificounas como parte das obras roubadas polo que agora, segundo confirmou o vicepresidente César Mosquera, serán devoltas aos seus lexítimos propietarios “con orgullo e por reparación histórica” logo de coñecer a súa escura orixe.
“Estamos sumamente contentos. Ímolas devolver con sumo gusto. É unha restitución histórica, reparar algo que foi un espolio a man armada, un abuso”, subliñou o vicepresidente, para engadir tamén que despois de Nadal os dous cadros exporanse no Museo “para o público de Pontevedra e para darlle a despedida con todas as honras”.
O director do Museo, Xosé Manuel Rey, foi o encargado de explicar polo miúdo o percorrido das dúas pezas. Indicou que a noticia da identificación como bens espoliados xurdiu durante o confinamento pola pandemia cando Mariusz Wiśniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, contactou co Museo de Pontevedra para interesarse polo díptico. Segundo a documentación que aportaba, as dúas pezas pertencían á Colección da Princesa Czartoryski en Gołuchów que fora roubada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial. Ambas pinturas, tras saír de Varsovia en 1944, reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973.
“Desde o momento no que tivemos coñecemento desta delicada circunstancia tratamos de determinar a trazabilidade e analizar as condicións nas que chegaron ao Museo de Pontevedra”, indicou Rey, quen explicou que as pinturas ingresaron no Museo como depósito do coleccionista José Fernández López e, desde 1994, son propiedade trala compra da súa colección (313 pinturas de autores e cronoloxías diversas) grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.
“Descoñecemos onde e en que momento foron adquiridas por Fernández López, pero todo parece indicar que puido telo feito nun dos establecementos da familia Maragall, a Sala Parés de Barcelona ou a Galería El Cisne de Madrid, das que era cliente habitual”, abondou o director. Engadiu que, coa finalidade de dispor dunha peritaxe especializada, contactouse con Ana María Diéguez Rodríguez, especialista en pintura flamenca e actual directora do Instituto Moll (Centro de Investigación de Pintura Flamenca radicado en Madrid e referencia para esta temática) quen apuntou como impresión preliminar que se trata das mesmas obras espoliadas.
Honorabilidade do Museo
Segundo subliñou o director do Museo, desde o primeiro momento, “a nosa preocupación foi que o Ministerio de Cultura de Polonia nos recoñecese como adquirentes de boa fe, e obrar de acordo coa normativa internacional e co código deontolóxico de museos do ICOM (Consello Internacional de Museos)”.
Insistindo na honorabilidade do Museo, asegurou que é o momento de “converter un problema nun éxito de colaboración entre as institucións pertencentes a ambos países”. Subliñou que para dar a coñecer esta situación e facer pedagoxía dos espolios na arte, a intención do Museo é á volta do Nadal facer unha pequena exposición na que se poidan ver as táboas, e explicar o problema das destrucións e espolio do patrimonio durante os conflitos bélicos.
O díptico está atribuído ao pintor holandés Dieric Bouts (Ca. 1420-1475), principal representante da Escola de Lovaina, e constitúen un bo exemplo dunha tipoloxía de éxito creada por Bouts, da que se conservan numerosos exemplares en museos e coleccións particulares, realizados polo artista, ou ben polo seu taller e imitadores. No caso das pezas do Museo a súa valoración rolda os 23.000 euros cada unha, ao facer unha estimación en base ao prezo pagado por toda a colección Fernández López (600 millóns de pesetas) integrada por 313 obras.
Ambos cadros estaban actualmente na sala de reserva, mais formaban parte das mostras permanentes dos edificios centrais do Museo agora clausurados. “Son dúas obras significativas” dixo o director do Museo, que confirmou que serían obxecto de rehabilitación e exposición no futuro de non ser pola súa próxima devolución.